I Premio Pablo L. Orosa
de fotoxornalismo

A Fundación Luzes convoca a IIª edición do Premio Pablo L. Orosa de fotoxornalismo co obxectivo de dar anualmente visibilidade a temas de interese da realidade galega e homenaxear o noso compañeiro,o reporteiro e escritor Pablo L. Orosa.

Introdución

A Fundación Luzes asumiu un firme compromiso a favor de Galicia. En cumprimento dos seus fins estatutarios: promover o fomento e difusión da cultura galega, o estudo e investigación sobre a sociedade galega, a promoción do debate público e de elaboración de propostas para os problemas e retos de Galicia, a Fundación Luzes convoca a IIª edición do Premio Pablo L. Orosa de fotoxornalismo.
O obxectivo do premio é dar anualmente visibilidade a temas de interese da realidade galega, así como abrir novas oportunidades a profesionais do fotoxornalismo en Galicia.
A Fundación Luzes quere tamén homenaxear ao fotoxornalista e escritor galego Pablo L. Orosa, como exemplo das achegas de excelencia que profesionais novas poden desenvolver nesta actividade.

O II º premio Premio Pablo L. Orosa de fotoxornalismo rexerase polas seguintes Bases:

1 Primeira: Temática e condicións

  1. O concurso vai dirixido a persoas maiores de 18 anos.
  2. A temática das imaxes versará sobre o algún acontecemento relevante para a sociedade galega durante o último ano.
  3. As fotografías estarán feitas no territorio galego, durante os meses anteriores á data de peche desta convocatoria, e inéditas, non publicadas en ningún medio de comunicación.
  4. As imaxes deben formar unha serie que conte unha historia por medio da fotografía. A serie completarase cun breve resumo ou sinopse que mencione as razóns que guiaron o traballo, eventuais atrancos e/ou dificultades na súa realización
  5. Cada participante poderá presentar dende un mínimo de 5 até un máximo de 8 fotografías.
  6. Non se admitirán aquelas que leven sinatura ou calquera outra marca identificativa. Non se poderán presentar fotografías xa premiadas noutros certames. Non se aceptarán fotomontaxes, nin imaxes modificadas no seu contido.
  7. As imaxes deberan ter como mínimo una lenda obrigatoria cos detalles do que é, o motivo polo que se considera relevante, onde, cando…
  8. Cada participante garante que é autor/a único/a das fotografías e titular de todos os dereitos de autor/a das mesmas.
  9. A organización do concurso asume que o autor/a posúe todos os permisos dos retratados/as.
  10. Os participantes ceden á Fundación Luzes, organizadora do premio, a difusión por calquera medio das imaxes presentadas durante o período aberto para a recepción das mesmas.
  11. Todos os participantes, polo feito de presentarse ao concurso, autorizan á Fundación Luzes a publicar as imaxes en calquera medio promocional do certame citando sempre o nome do autor/a polo tempo máximo autorizado na vixente lexislación reguladora da propiedade intelectual.
  12. Os autores/as premiados conservarán os dereitos de autoría da súa obra, que lle reserva a vixente lexislación reguladora da propiedade intelectual, polo que serán citados en calquera uso futuro da obra. Os autores/as poderán facer uso das súas obras premiadas como promoción persoal ou en concepto de currículum artístico.
  13. Non poderán participar os premiados/as que obtiveran o premio nas dúas últimas edicións deste certame.

2 Segunda: Presentación das imaxes

  1. Fotografías en branco e negro ou en cor.
  2. Formato dixital JPEG con dimensións máximas de 3000 píxeles no lado maior.
  3. O tamaño total dos arquivos non pode superar aos 5 Mb.
  4. Modo de cor sRGB.
  5. Poderán incluír metadatos nos que se indique: título, autor/a, lugar e data da toma, descrición do acontecemento e, se fose de interese, nome dos protagonistas.
  6. A reportaxe deberá ter título.

3 Terceira: Envío das fotografías

  1. As fotografías enviaranse por medio dun correo electrónico ao seguinte enderezo: premios@fundacionluzes.gal. No asunto indicarase: «Para o IIº PREMIO PABLO L. OROSA DE FOTOXORNALISMO da Fundación Luzes» e o mesmo nome que figure nos arquivos JPEG das fotografías. No texto do correo incluiranse os datos identificativos do participante: Nome e apelidos, DNI ou pasaporte, enderezo postal, enderezo de correo electrónico e número de teléfono.
  2. As fotografías presentadas non levarán firma nin identificación ningunha na propia imaxe.

4 Cuarta: Prazo de recepción de obras

  1. As obras presentaranse entre o 1 de setembro e o 30 de setembro de 2022.

5 Quinta: Dotación do premio

  1. O premio terá unha dotación economica de 2.500 €.
  2. Dependendo da calidade das obras presentadas, e a criterio do xurado, o premio poderá quedar deserto, e/ou esta dotación poderá ir a un/unha só/soa autor/a ou dividirse a partes iguais entre varios participantes ganadores/as.

Sexta: Composición do xurado

  1. O xurado estará composto por: Manuel Bragado, presidente da Fundación Luzes; Manuel Álvarez, fotógrafo e membro do padroado da Fundación Luzes; Isabel Romero, membro do padroado da Fundación Luzes; os codirectores da Revista Luzes, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas. Ademais, convidarase a un/ha fotográfo/a de recoñecido prestixio no ámbito do fotoxornalismo.
  2. Isabel Romero exercerá de secretaria, encargándose de redactar a acta.

7 Sétima: Ditame do Premio

  1. A decisión do xurado farase publica na páxina web da Fundación Luzes e nas súas redes sociais o 16 de novembro de 2022. A entrega do premio emitirase a través da páxina web da Fundación Luzes.
  2. O ditame do xurado será inapelable.

8 Oitava: Publicación

  1. A participación conleva a autorización a Luzes xornalismo que conta, S.L. e á revista Luzes a publicar a reportaxe gañadora e aquelas outras participantes que considere oportunas.
  2. A Fundación Luzes resérvase o dereito a darlle unha difusión posterior ás fotografías e a reseñar aos/as autores/as con mención especial aos/as premiados/as.
  3. A Fundación Luzes, en colaboración con outras entidades, poderá realizar unha exposición de todas ou parte das reportaxes fotográficas presentadas.

9 Novena: Aceptación de bases

  1. A presentación de traballos a este concurso implica a aceptación integra das presentes bases. Calquera aspecto non contemplado nas bases poderá ser resolto pola organización ou polos membros do xurado.

A Coruña, 1 de Maio de 2022

¡Este sitio web es único y necesitará de un navegador moderno para funcionar correctamente!

¡Por favor, actualiza!

Compartir