III Premio Pablo L. Orosa
de fotoxornalismo

A Fundación Luzes convoca a IIIª edición do Premio Pablo L. Orosa de fotoxornalismo co obxectivo de dar anualmente visibilidade a temas de interese da realidade galega e homenaxear o noso compañeiro,o reporteiro e escritor Pablo L. Orosa.

Introdución

A Fundación Luzes asumiu un firme compromiso a favor de Galicia. En cumprimento dos seus fins estatutarios: promover o fomento e difusión da cultura galega, o estudo e investigación sobre a sociedade galega, a promoción do debate público e de elaboración de propostas para os problemas e retos de Galicia, a Fundación Luzes convoca a IIIª edición do Premio Pablo L. Orosa de fotoxornalismo e fotodocumentalismo.
O obxectivo do premio é dar anualmente visibilidade a temas de interese da realidade galega, así como abrir novas ventás ao fotoxornalismo e documentalismo en Galicia.
A Fundación Luzes quere tamén homenaxear ao fotoxornalista e escritor galego Pablo L. Orosa, membro do comité de redacción de Luzes, como exemplo das achegas de excelencia que profesionais novas poden desenvolver nesta actividade.

O III º premio Premio Pablo L. Orosa de fotoxornalismo rexerase polas seguintes Bases:

1 Primeira: Temática e condicións

  1. O concurso vai dirixido a persoas maiores de 18 anos.
  2. As imaxes terán un carácter documental e unha temática relacionada con Galicia.
  3. As fotografías poden estar publicadas, pero non xa premiadas noutros certames.
  4. Deberán formar unha serie de 7 imaxes numeradas en orde narrativa que constrúa un relato coas fotografías. A serie completarase cun breve resumo ou sinopse que mencione as razóns que guiaron o traballo, eventuais atrancos e/ou dificultades na súa realización.
  5. Non se aceptarán fotomontaxes, nin imaxes modificadas no seu contido.
  6. Cada participante garante que é autor/a único/a das fotografías e titular de todos os dereitos de autor/a das mesmas.
  7. A organización do concurso asume que o autor/a posúe todos os permisos dos retratados/as.
  8. Os participantes ceden á Fundación Luzes, organizadora do premio, a difusión por calquera medio das imaxes presentadas durante o período aberto para a recepción das mesmas.
  9. Todos os participantes, polo feito de presentarse ao concurso, autorizan á Fundación Luzes a publicar as imaxes en calquera medio de promoción do certame citando sempre o nome do autor/a polo tempo máximo autorizado na vixente lexislación reguladora da propiedade intelectual.
  10. Os autores/as premiados conservarán os dereitos de autoría da súa obra, que lles reserva a vixente lexislación reguladora da propiedade intelectual, polo que serán citados en calquera uso futuro da obra. Os autores/as poderán facer uso das súas obras premiadas como promoción persoal ou en concepto de currículo artístico.
  11. Non poderán participar quen obtivera o premio nalgunhas das edicións deste certame durante os últimos 4 anos.

2 Segunda: Presentación das imaxes

  1. Fotografías en branco e negro ou en cor ou mesturado se o autor/a o considera oportuno.
  2. Formato dixital JPEG con dimensións máximas de 3000 píxeles no lado maior.
  3. O tamaño total dos arquivos non pode superar aos 5 Mb.
  4. Modo de cor RGB.
  5. Poderán incluír metadatos nos que se indique: título, autor/a, lugar e data da toma, descrición do acontecemento e, se fose de interese, nome dos protagonistas.
  6. A reportaxe deberá ter título.

3 Terceira: Envío das fotografías

  1. As fotografías enviaranse por medio dun correo electrónico ao seguinte enderezo: premios@fundacionluzes.gal. No asunto indicarase: «Para o IIIº PREMIO PABLO L. OROSA DE FOTOXORNALISMO da Fundación Luzes» e o mesmo nome que figure nos arquivos JPEG das fotografías. No texto do correo incluiranse os datos identificativos do participante: Nome e apelidos, DNI ou pasaporte, enderezo postal, enderezo de correo electrónico e número de teléfono.

4 Cuarta: Prazo de recepción de obras

  1. As obras presentaranse entre o 15 de setembro e o 15 de outubro de 2023.

5 Quinta: Dotación do premio

  1. O premio terá unha dotación economica de 2.500 €.
  2. A criterio do xurado, o premio poderá quedar deserto ou dividirse en partes iguais entre varios participantes gañadores/as.

Sexta: Composición do xurado

  1. O xurado estará composto por: Manuel Bragado, presidente da Fundación Luzes; Manuel Álvarez, fotógrafo e membro do padroado da Fundación Luzes; Isabel Romero, profesora do CIFP Imaxe e Son da Coruña e membro do padroado da Fundación Luzes; María Carmen Ciller profesora titular da Universidade Carlos III de Madrid e membro do padroado da Fundación Luzes, os codirectores da Revista Luzes, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas e 2 fotógrafos/as de recoñecido prestixio no ámbito do fotoxornalismo.
  2. Isabel Romero exercerá de secretaria, encargándose de redactar a acta.

7 Sétima: Ditame do Premio

  1. A decisión do xurado farase publica na páxina web da Fundación Luzes e nas súas redes sociais a semana do 16 de novembro, data do falecemento do xornalista Pablo L. Orosa. A entrega do premio realizarase nun acto en data por determinar na Fundación Luís Seoane e emitirase a través da páxina web da Fundación Luzes.
  2. O ditame do xurado será inapelable.

8 Oitava: Publicación

  1. A participación conleva a autorización a Luzes xornalismo que conta, S.L. e á revista Luzes a publicar a reportaxe gañadora e aquelas outras participantes que considere oportunas.
  2. A Fundación Luzes resérvase o dereito a darlle unha difusión posterior ás fotografías e a reseñar aos/as autores/as con mención especial aos/as premiados/as.
  3. A Fundación Luzes, en colaboración con outras entidades, poderá realizar unha exposición de todas ou parte das reportaxes fotográficas presentadas.

9 Novena: Aceptación de bases

  1. A presentación de traballos a este concurso implica a aceptación integra das presentes bases. Calquera aspecto non contemplado nas bases poderá ser resolto pola organización ou polos membros do xurado.

A Coruña, 23 de Maio de 2023

¡Este sitio web es único y necesitará de un navegador moderno para funcionar correctamente!

¡Por favor, actualiza!

Compartir