Estatutos

A Fundación Luzes, está recoñecida como de interese cultural, e declarada de interese galego pola Xunta de Galicia — Foi promovida pola contorna cultural da Revista Luzes en Maio de 2019 co obxecto de fomentar e difundir a cultura galega, o estudo e investigación sobre a sociedade galega, a promoción do debate público e de elaboración de propostas para os problemas e retos de Galicia.

Título primeiro ¶ Denominación e natureza

Artigo 1. Denominación e natureza

Ao abeiro do dereito recoñecido no artigo 34.1 da Constitución Española, da liña 26 do artigo 27 do Estatuto de Autonomía de Galicia e da Lei 12/2006 de 1 de decembro, de Fundacións de Interese galego, coa denominación de “Fundación Luzes”, constitúese unha organización de natureza fundacional, de interese galego, sen ánimo de lucro, cuxo patrimonio está afectado de modo duradeiro á realización dos fins de interese xeral que se establecen nestes estatutos.

Artigo 2. Domicilio e ámbito de actuación

O domicilio da Fundación radicará no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia na rúa Santa Luisa de Marillac 9 baixo C da Cidade da Coruña.

O Padroado poderá promover o cambio de domicilio, mediante a oportuna modificación estatutaria, con posterior comunicación ao Protectorado e inscrición no Rexistro de Fundacións.

A Fundación desenvolverá as súas actividades principalmente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Para o mellor cumprimento dos seus fins, a Fundación poderá crear delegacións en territorio distinto ao do seu ámbito de actuación, así como establecer relacións instrumentais con terceiros en calquera ámbito territorial.

Artigo 3. Personalidade e capacidade

A Fundación terá personalidade xurídica desde a inscrición da escritura pública de constitución no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, que lle atribúe plena capacidade xurídica e de obrar, e poderá realizar, en consecuencia, todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento dos fins fundacionais, con suxeición ao establecido no ordenamento xurídico.

Artigo 4. Duración

A Fundación constitúese por tempo indefinido. Porén, se nalgún momento os fins propios da Fundación se consideraren cumpridos, ou for imposible a súa realización, o Padroado poderá acordar a extinción, de conformidade co disposto na lexislación vixente e nestes estatutos.

Artigo 5. Réxime normativo

A Fundación rexerase pola vontade do grupo fundador expresada nestes estatutos, polas disposicións que en interpretación e desenvolvemento deles estableza o Padroado e, en todo caso, pola Lei do Parlamento de Galicia 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e polas demais normas que as desenvolvan ou substitúan.

Así mesmo, tamén se rexerá polas disposicións que lle sexan aplicables da Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións; pola Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, e polo Real decreto 1270/2003, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento para a aplicación do réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, así como pola restante normativa que sexa de aplicación.

Título segundo ¶ Obxecto da fundación

Artigo 6. Fins

A Fundación ten por obxecto o fomento e difusión da cultura galega, o estudo e investigación sobre a sociedade galega, a promoción do debate público e de elaboración de propostas para os problemas e retos de Galicia.

O desenvolvemento do obxecto fundacional poderá ser realizado directamente pola Fundación ou mediante colaboración con outras entidades, organismos, institucións ou persoas que contribúan á consecución dos fins fundacionais.

Artigo 7. Actividades fundacionais

Para a consecución dos fins mencionados no artigo anterior, a Fundación pode realizar as seguintes actividades:
a) Edición de publicacións en papel e web
b) Organización de actividades culturais, cursos e debates
c) Produción de material musical e audiovisual
d) Convocatoria de becas e premios

A Fundación poderá realizar actividades económicas que teñan por obxecto o cumprimento dos fins fundacionais, ou sexan complementarias ou accesorias das anteriores, con sometemento ás normas reguladoras da defensa da competencia.

Artigo 8. Liberdade de actuación

O Padroado terá plena liberdade para determinar as actividades da Fundación tendentes á consecución daqueles obxectivos concretos que, ao xuízo daquel e dentro do cumprimento dos seus fins, sexan máis adecuados ou convenientes en cada momento.

Título terceiro  Regras básicas
para a aplicación dos recursos ao
cumprimento dos fins fundacionais
e para a determinación dos beneficiarios

Artigo 9. Destino das rendas e ingresos

A Fundación destinará o patrimonio e as súas rendas ao cumprimento dos fins fundacionais.

Á realización dos fins fundacionais deberá ser destinado, polo menos, o setenta por cento dos resultados das explotacións económicas que se desenvolvan e dos ingresos que se obteñan por calquera outro concepto, deducidos os gastos realizados para a súa obtención, e o resto deberase destinar a incrementar a dotación fundacional ou a reservas, segundo acordo adoptado polo Padroado. Non se incluirán no cálculo dos ingresos as doazóns recibidas en concepto de dotación, nin as ganancias obtidas na transmisión de bens ou dereitos afectados á dotación fundacional, sempre que se reinvistan en bens dotacionais.

O prazo para o cumprimento desta obriga será o comprendido entre o inicio do exercicio en que se obtiveron e os catro anos seguintes ao peche do dito exercicio. Os gastos de administración non poderán superar a porcentaxe fixada na lexislación vixente.

Artigo 10. Publicidade das actividades

O Padroado dará información suficiente dos fins e das actividades da Fundación, a través de páxina web, nos termos sinalados no artigo 27 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, para que sexan coñecidos polos eventuais beneficiarios e demais interesados.

Artigo 11. Persoas beneficiarias

Os fins da Fundación están dirixidos, con carácter xenérico, ás seguintes colectividades de persoas:

a) Persoas residentes en Galicia en xeral e galegas residentes no exterior
b) Persoal investigador
c) Profesionais da cultura e o xornalismo

A determinación das persoas beneficiarias será efectuada polo Padroado con criterios de imparcialidade e non discriminación. As regras básicas para a determinación dos beneficiarios son as seguintes:

a) O órgano de selección estará composto por tres persoas escollidas por sorteo entre as do Padroado.
b) Os méritos a valorar estarán claramente especificados e serán publicados en xornais e redes sociais.

Título cuarto  Órganos da fundación:
Órganos de goberno e órganos de xestión

I – ÓRGANOS DE GOBERNO

Artigo 12. O Padroado

O Padroado é o órgano de goberno, representación e administración da Fundación, e executará as funcións que lle corresponden con suxeición ao disposto no ordenamento xurídico e nestes estatutos.

Corresponde ao Padroado o cumprimento dos fins fundacionais e a administración dos bens e dereitos que integran o patrimonio da Fundación, mantendo o seu rendemento e utilidade.

Artigo 13. Carácter gratuíto do cargo de patrón

Os patróns e patroas exercerán o seu cargo gratuitamente, sen prexuízo do dereito a que se lles reembolsen os gastos debidamente xustificados que o desempeño da súa función lles ocasione.

Artigo 14. Composición

O Padroado estará composto por un mínimo de 10 e un máximo de 50 membros. Dentro destes límites, corresponderalle ao Padroado determinar o número concreto de membros.

Poderán ser membros do Padroado as persoas físicas que teñan plena capacidade de obrar e non estean inhabilitadas para o exercicio de cargos públicos nin se atopen incursas en causa de incompatibilidade.

As persoas xurídicas poderán formar parte do Padroado e deberán designar a persoa física que as represente.

Os patróns e patroas que sexan persoas físicas deberán exercer o seu cargo persoalmente; non obstante, poderá actuar no seu nome e representación outro patrón ou patroa designado pola persoa representada.

Artigo 15. Regras para a designación e substitución de súas/seus membros

A designación de membros que integren o primeiro Padroado será efectuada polo grupo fundador e constará na escritura de constitución.

A designación de novas e novos membros será realizada polo Padroado, por acordo da maioría das súas e seus membros

O patróns e patroas desempeñarán as súas funcións por períodos de 4 anos, renovaranse por metades cada 2 anos e poderán ser reelixidos.

O primeiro Padroado renovarase aos 2 anos na metade das súas e seus membros elixidos por sorteo.
O Padroado, dentro do último mes do período do mandato vixente, procederá á designación das novas e novos membros.

Artigo 16. Aceptación dos membros do Padroado e inscrición no rexistro

As patroas e patróns entrarán a exercer as súas funcións logo de aceptaren expresamente o seu cargo. Esta aceptación poderá constar no outorgamento da carta fundacional, en documento público independente, en documento privado con sinatura lexitimada por un fedatario público, mediante comparecencia realizada ante o Rexistro de Fundacións de Interese Galego, ou perante o Padroado, e acreditarase mediante certificación expedida pola/o secretaria/o co visto e prace do presidente.

A designación de membros do Padroado e os seus cargos e a correspondente aceptación serán notificadas polo Padroado ao Protectorado e inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 17. Organización do Padroado

O Padroado designará de entre as súas /seus membros un/ha presidente/a e un/ha vicepresidente/a ou varias/varios, de ser o caso.

Así mesmo, o Padroado designará un/ha secretario/a, cargo que poderá recaer en persoa allea ao Padroado; neste caso terá voz pero non voto.

O Padroado poderá designar unha Comisión executiva, composta por catro ou máis das súas/seus membros, para a xestión dos acordos.

Artigo 18. A/O presidenta/e

A/o presidenta/e correspóndelle exercer a representación da Fundación ante toda clase de persoas, autoridades e entidades públicas ou privadas; acordar a convocatoria das reunións do Padroado; fixar a orde do día; presidir as reunións; dirixir e moderar os debates; someter a votación os acordos e, de ser o caso, dispoñer a execución dos acordos adoptados, para o cal poderá realizar toda clase de actos e asinar os documentos que sexan necesarios para tal fin.

A/O presidenta/e dispón de voto de calidade para resolver os empates que se poidan producir nas votacións das reunións do Padroado.

Artigo 19. A/O vicepresidenta/e

Corresponderalle a/o vicepresidenta/e realizar as funcións da/o presidenta/e nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade. Tamén poderá actuar en representación da Fundación naqueles supostos en que así se determine por acordo do Padroado.

Artigo 20. A/O secretaria/o

Son funcións da/o secretaria/o:

  1. Efectuar a convocatoria das reunións do Padroado por orde da presidencia e realizar as correspondentes citacións aosmembros do Padroado.
  2. Asistir ás reunións do Padroado, con voz e voto se forma parte do Padroado, ou só con voz en caso contrario.
  3. Custodiar a documentación da Fundación, redactar as actas correspondentes ás reunións do Padroado e transcribilas aocorrespondente libro de actas.
  4. Expedir as certificacións co visto e prace da presidencia, en relación cos acordos adoptados polo Padroado.
  5. Calquera outra inherente á súa condición de secretario, e aquelas que expresamente lle sexan atribuídas.

Nos supostos de vacante, ausencia, imposibilidade ou enfermidade, a/o secretaria/o será substituída/o por unha persoa acordada pola presidencia.

Artigo 21. Facultades do Padroado

Na súa actuación, o Padroado deberase axustar ao preceptuado na lexislación vixente e á vontade dos fundadores manifestada nestes estatutos.

Con independencia das funcións que lle atribúen os presentes estatutos e sen prexuízo de solicitar, se é o caso, as preceptivas autorizacións ao Protectorado, a título enunciativo, serán facultades do Padroado:

a) Exercer o goberno, a representación, a inspección, a vixilancia e a orientación da Fundación.
b) Interpretar e desenvolver os presentes estatutos e, de ser o caso, adoptar acordos sobre a súa modificación, sempre que resulte conveniente para os intereses da Fundación e a mellor consecución dos seus fins.
c) Fixar as liñas xerais de funcionamento da entidade e de distribución e aplicación dos fondos dispoñibles entre as actividades da Fundación.
d) Acordar a apertura e o peche dos seus centros, oficinas e delegacións
e) Nomear apoderados xerais ou especiais, outorgar poderes e revogalos.
f) Aprobar o plan de actuación e as contas anuais que serán obxecto de presentación ao Protectorado.
g) Delegar as súas facultades nun ou máis patróns, ou na Comisión executiva, sen que poidan ser obxecto de delegación:

  • A aprobación das contas anuais e do plan de actuación.
  • A modificación dos estatutos.
  • O acordo de fusión, extinción ou liquidación da Fundación.
  • Calquera acto que precise a autorización ou aprobación do Protectorado.

Artigo 22. Obrigas e dereitos das/os membros do Padroado

Na súa actuación, o Padroado deberase axustar ao establecido na lexislación vixente e á vontade do grupo fundador manifestada nestes estatutos.

Son obrigas dos membros do Padroado:
a) Cumprir e facer cumprir os fins fundacionais.
b) Administrar os bens e dereitos que integran o patrimonio da Fundación mantendo o seu rendemento, utilidade e produtividade segundo os criterios económico-financeiros dun bo xestor.
c) Asistir ás reunións do Padroado e velar pola legalidade dos acordos que se adopten nelas.
d) Realizar os actos necesarios para a inscrición da Fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Son dereitos dos membros do Padroado:
a) Recibir a convocatoria coa orde do día e asistir ás reunións dos órganos de que formen parte.
b) Exercer o dereito de voto.
c) Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións.

Artigo 23. Responsabilidades das patroas e os patróns

As patroas e os patróns:

  • Deberán desempeñar o seu cargo coa dilixencia dun representante leal.
  • Responderán solidariamente fronte á Fundación dos danos e perdas que causen por actos contrarios á lei ou aos estatutos ou polos realizados sen a dilixencia con que deben desempeñar o cargo. Quedarán exentas de responsabilidade as persoas que voten en contra do acordo e as que proben que, non intervindo na súa adopción e execución, descoñecían a súa existencia ou, coñecéndoa, fixeron todo o conveniente para evitar o dano ou, polo menos, se opuxeron expresamente a aquel.

Artigo 24. Cesamento e suspensión das/os membros do Padroado

O cesamento e suspensión das/os membros do Padroado producirase nos supostos previstos no artigo 24 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

A renuncia ao cargo de patroa ou patrón poderá facerse por calquera dos medios e cos trámites previstos para a aceptación e deberá levarse a cabo por calquera dos medios e mediante os trámites previstos para a aceptación.

O cesamento e a suspensión das/os membros do Padroado comunicaráselle ao Protectorado e inscribirase no Rexistro de Fundacións.

Artigo 25. Reunións do Padroado

O Padroado reunirase, polo menos, dúas veces ao ano e tantas veces como sexa preciso para a boa marcha da Fundación. Corresponde a/o presidenta/e ordenar a convocatoria das reunións, por propia iniciativa ou por petición das dúas terceiras partes dos membros do Padroado.

A convocatoria expresará a orde do día, así como o lugar, a data e a hora da reunión. Cursarase por escrito e farase chegar a cada membro, polo menos, con nove días de anticipación á data da súa celebración, por calquera medio que permita deixar constancia da súa recepción.

Non será precisa convocatoria previa cando, estando presentes todas as patroas e patróns, acorden por unanimidade a celebración da reunión e a correspondente orde do día.

Artigo 26. Formas de deliberar e adoptar acordos

O Padroado entenderanse validamente constituído cando concorran, presentes ou representados, na forma legalmente establecida, polo menos a metade máis un das/os seus membros.

Os acordos serán inmediatamente executivos e adoptaranse por maioría absoluta das asistentes; en caso de empate será dirimente o voto da/o presidenta/e. Non obstante, requirirase voto favorable de 60% de membros do Padroado para aprobar acordos que se refiran á reforma ou modificación dos estatutos, e á disposición de bens a título gratuíto, á fusión, á escisión ou á extinción da Fundación.

Das reunións do Padroado elaborará a acta a/o secretaria/o, que deberá ser subscrita por todas as/os membros presentes e aprobada na mesma ou na seguinte reunión. Unha vez aprobada, transcribirase no correspondente libro de actas e será asinada pola/o secretaria/o co visto e prace da/o presidenta/e.

II – ÓRGANOS DE ASESORAMENTO E XESTIÓN

Artigo 27. Consellos asesores

O Padroado poderá crear consellos asesores e comisións de estudo, así como órganos similares con funcións de apoio e asesoramento, para o mellor desenvolvemento dos fins fundacionais.
A creación, modificación e supresión destes órganos, así como a súa composición, deberán ser notificadas ao protectorado e inscritas no Rexistro de Fundacións.

Artigo 28. Xerente

O Padroado poderá acordar a contratación dun/ha director/a/xerente con competencias en materia de xestión e administración da Fundación. A súa designación e cesamento deben ser notificados ao Protectorado e inscritos no Rexistro de Fundacións.

Título quinto  Réxime económico

Artigo 29. Patrimonio fundacional

O patrimonio da Fundación está integrado por toda clase de bens, dereitos e obrigas susceptibles de valoración económica que integren a dotación, así como por aqueles que adquira a Fundación con posterioridade á súa constitución, tanto se se afectan á dotación como se non.

Uns e outros deberán figurar a nome da Fundación, constar no seu inventario e no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

O Padroado promoverá, baixo a súa responsabilidade, a inscrición a nome da Fundación dos bens e dereitos que integran o seu patrimonio nos rexistros públicos correspondentes.

Artigo 30. Adscrición do patrimonio fundacional

Os bens e dereitos que conforman o patrimonio, así como as rendas que produzan, quedarán vinculados ao cumprimento dos fins que a Fundación persegue, nos termos establecidos na lexislación vixente e nos estatutos.

Artigo 31. Financiamento

A Fundación, para o desenvolvemento das súas actividades, financiarase cos recursos que proveñan do rendemento do seu patrimonio e, se for o caso, con aqueloutros procedentes das axudas, subvencións, doazóns, herdanzas ou legados que reciba de persoas ou entidades, tanto públicas como privadas.

A Fundación poderá percibir cantidades derivadas de actividades e servizos directamente prestados por ela aos seus beneficiarios sempre que isto:
a) Non desvirtúe o interese xeral para a Comunidade Autónoma.
b) Non sexa contrario á vontade fundacional.
c) Non implique unha limitación inxustificada do ámbito dos seus posibles beneficiarios.

Na xestión económico-financeira, a Fundación rexerase de acordo cos principios e criterios xerais determinados na normativa vixente.

Artigo 32. Plan de actuación

O Padroado aprobará e remitirá ao Protectorado, nos últimos tres meses de cada exercicio, un plan de actuación en que se conteñan os obxectivos e as actividades que se teña previsto desenvolver no exercicio seguinte, xunto coa previsión de ingresos e gastos e unha memoria explicativa del. O dito plan será depositado no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 33. Contas anuais

A Fundación levará unha contabilidade ordenada e adecuada á súa actividade que permita o seguimento cronolóxico das actuacións realizadas. Para iso, contará cun libro diario e un libro de inventarios e contas anuais.

As contas anuais comprenden o balance, a conta de resultados e unha memoria. Estes documentos forman unha unidade e deben ser elaborados seguindo os modelos, normas e criterios establecidos na adaptación sectorial do Plan xeral de contabilidade para as entidades sen fins lucrativos.

As contas anuais serán formuladas polo órgano de goberno da entidade, o cal responderá da súa veracidade. Deberán ser aprobadas polo Padroado no prazo de seis meses desde o peche do exercicio económico e presentaranse ante o Protectorado no prazo de vinte días hábiles seguintes ao da súa aprobación para o seu exame e posterior depósito no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Nos casos en que as contas anuais se sometan a auditoría, serán formuladas dentro dos tres (3) primeiros meses seguintes ao día do peche do exercicio. Neste caso presentarase, xunto coa documentación contable, o informe de auditoría correspondente.

Artigo 34. Exercicio económico

O exercicio económico da Fundación coincidirá co ano natural.

Título sexto  Da modificación, fusión ou extinción

Artigo 35. Modificación de estatutos

Por acordo do Padroado poderán ser modificados os presentes estatutos, sempre que resulte conveniente para os intereses da Fundación e se cumpran os requisitos previstos nestes estatutos e na lexislación vixente.

Procederase á dita modificación cando as circunstancias que presidiron a constitución da Fundación teñan variado de tal maneira que esta non poida actuar satisfactoriamente de conformidade cos estatutos en vigor.

Artigo 36. Fusión e/ou escisión

A Fundación poderase fusionar con outra ou outras, logo do acordo dos respectivos padroados. Igualmente, o Padroado poderá aprobar a escisión de parte da Fundación nos termos e cos requisitos legalmente establecidos.

Artigo 37. Extinción da Fundación

A Fundación extinguirase polas causas legal e estatutariamente establecidas e de acordo cos procedementos previstos na normativa vixente.

Artigo 38. Liquidación e adxudicación

A extinción da Fundación determinará a apertura do procedemento de liquidación, que será realizada polo Padroado baixo o control do Protectorado.

Os bens e dereitos resultantes da liquidación destinaranse ás fundacións ou ás entidades non lucrativas, privadas ou públicas, que persigan fins de interese xeral e que teñan afectados os seus bens, incluso para o suposto de disolución, á consecución daqueles, e que estean consideradas como entidades beneficiarias do mecenado, ou a entidades públicas de natureza non fundacional que persigan fins de interese xeral.

Corresponde ao Padroado designar as entidades receptoras destes bens, de acordo co establecido na lexislación vixente.

Artigo 39. Adopción dos acordos e comunicación e inscrición no Rexistro

Para a adopción de acordos de modificación, fusión, escisión, extinción e liquidación será necesario o voto favorable de 60% de membros do Padroado.

Os ditos acordos serán comunicados e/ou autorizados ante o Protectorado para os efectos de cualificación de legalidade, formalizados en escritura pública e inscritos no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Cláusula adicional

O contido destes estatutos non implica limitación ou substitución das competencias que a lexislación vixente atribúe ao Protectorado.

A interpretación do establecido nestes estatutos farase en concordancia coa normativa sectorial, que, así mesmo, será aplicable no non previsto neles.

¡Este sitio web es único y necesitará de un navegador moderno para funcionar correctamente!

¡Por favor, actualiza!

Compartir